José Antonio Gómez, reelegido secretario general de UGT-Galicia
Fecha: 17 Mar 2021
José Antonio Gómez, reelixido secretario xeral de UGT-Galicia
Os delegados asistentes ao 13º Congreso de UGT-Galicia, que se celebrou hoxe en Santiago, veñen de elixir, cun 74,75 por cento dos votos á nova Comisión Executiva de UGT-Galicia, encabezada polo secretario xeral, José Antonio Gómez. Unha Executiva integrada por 6 membros, tres homes e tres mulleres.
Así, a nova Comisión Executiva de UGT-Galicia está formada por:
Secretaría xeral, José Antonio Gómez Gómez.
Secretaría de Organización e Administración, José Luís Fernández Celis.
Secretaría de Política Sindical, Mar Martín González.
Secretaría de Políticas Sociais, María Isabel González Jardón.
Secretaría de Igualdade, Trinidad Campos Rodríguez.
Secretaría de Política Institucional, José Carlos Rodríguez del Río.
Unha vez proclamados os resultados da elección da nova Comisión Executiva de UGT-Galicia, que desenvolverá a xestión do Sindicato de cara aos vindeiros anos, tivo lugar no Hotel Puerta del Camino en Santiago o acto de clausura do 13º Congreso de UGT-Galicia.
Neste acto interviñeron o responsable do sector Postal da FeSP estatal, José Manuel Sayagués; o presidente da Deputación de Lugo, José Tomé; o secretario xeral de UGT, Pepe Álvarez; e o recén reelixido secretario xeral de UGT-Galicia, José Antonio Gómez.
Pepe Álvarez na súa intervención cualificou como moi complexos estes cinco anos de xestión, que comezaron coa loita pola recuperación dos dereitos perdidos durante a crise anterior e que quedaron paralizados neste último ano por mor da pandemia.
Recoñeceu que UGT nestes anos intentou dar resposta a todo pero que aínda quedan moitas cousas por facer, o traballo que queda por diante é inmenso. Sen embargo, no que se ten feito considera que UGT ten marcado a pauta en moitos temas importantes para este país, como a necesidade de derrogar xa a reforma laboral, a reforma das pensións de 2013 ou facer medrar o SMI para que no 2023 sexa o 60% do salario medio.
Tamén fixo fincapé no traballo e a aposta firme de UGT a prol da igualdade no seu senso máis amplo. Dende a igualdade no acceso á educación, igualdade de xénero, igualdade laboral entre homes e mulleres, igualdade salarial... e considera que a igualdade debe ser a seña de identidade do Sindicato e un dos seus eixos fundamentais de traballo.
Mandou unha mensaxe ó Goberno central dicíndolle que o tempo das promesas xa rematou, menos mensaxes, menos titulares e máis BOE. Por iso, UGT decidiu abrir un camiño de mobilizacións marcando unha liña moi clara xa sinalada anteriormente, SMI, reforma laboral e reforma das pensións.
E, por suposto, todo o relativo a seguir demandando dereitos e unha malla social que garanta que, despois desta crise, non quede ninguén no camiño. Recoñeceu que durante os momentos máis difíciles da pandemia UGT estivo traballando para que os traballadores e, incluso, as empresas a padecesen o menos posible. Grazas ó traballo de concertación, están aí os ERTE, axudas para autónomos, empregadas do fogar... pero hai que seguir traballando nesta liña e volver a retomar as demandas que quedaron no conxelador hai un ano.
E os novos retos tamén hai que afrontalos, como consolidar un sistema de saúde máis forte que durante a pandemia amosou as súas debilidades e corre o risco de deixar a agora a moitos no camiño con enfermidades á marxe da COVID-19. Por iso, urxe ás administracións a investir nunha sanidade pública de calidade.
Outro dos retos vai ser a xestión dos fondos europeos. Pido que nas empresas sexan consensuados coas organizacións sindicais, co fin de que estes non sirvan para reducir plantillas e vixiar tamén que non sirvan para mellorar a conta de resultados das empresas.
En cando ós procesos de transición enerxética, pide que antes de “desenchufar unha actividade ten que haber outra actividade xa enchufada”. Para as electrointensivas, urxe un prezo da luz competitivo. Concretou estes problemas nas Pontes que, a xuízo da UGT, non pode pechar se non hai nada alternativo ou o caso de Alcoa, aínda sen resolver. Ó respecto fixo fincapé en que este país precisa da produción de aluminio porque, como demostrou esta crise, non podemos estar dependendo sempre de terceiros nos sectores estratéxicos.
Finalmente, para pechar, tomou a palabra José Antonio Gómez que comezou a súa intervención agradecendo a confianza depositada polos delegados e delegadas hoxe para a súa reelección; agradeceu ás novas compañeiras que entran na Executiva a súa predisposición; ós que continúan por aceptar o reto; e dirixiuse a Mónica Rodríguez, ata o de agora responsable de Igualdade e Xuventude, agradecéndolle o seu traballo incansable nestes últimos anos a prol da igualdade.
Lembrou o lema deste Congreso, “Construíndo en igualdade”, algo que UGT vén facendo nos seus xa 133 anos de historia. Igualdade no seu máis amplo sentido e dun xeito transversal. Igualdade para os mozos, para as mulleres, igualdade de oportunidades para todos e todas, igualdade para os que viven no campo con respecto ós que viven na cidade, igualdade para todos para acceder a uns servizos públicos de calidade...
Para concluír, insistiu en que esta crise pode ser unha oportunidade para moitos novos retos pero alertou que hai que estar atentos porque xa soan cantos de sirena de novos recortes no 2022 e este país, sobre todo a súa clase traballadora, non pode volver a pasar de novo por políticas de austeridade e recortes como as impostas na crise anterior.
Resolucións de urxencia
O 13º Congreso de UGT-Galicia tamén aprobou cinco resolucións de urxencia. Unha referida é necesidade de loitar polo sector industrial galego, que se atopa nunha situación certamente crítica, con 32.600 empregos perdidos dende o ano 2008. Concretouse a necesidade de buscar solucións ó futuro de Navantia, Barreras, Endesa ou Alcoa. En relación a esta última, demandouse que as negociacións de compra entre Alcoa e a SEPI inclúan a Alu Ibérica.
Outra resolución fai mención á necesidade de defensa dos servizos públicos, a necesidade de revalorizar estes servizos, esenciais como se demostrou na crise da COVID-19. Servizos que se viron desbordados nesta pandemia pola imposición durante estes últimos anos de políticas neoliberais e de austeridade.
O Congreso tamén urxiu sobre a necesidade de salvagardar e fortalecer as relacións laborais nos procesos de contratación pública. Hai que blindar o mantemento do emprego e das relacións laborais ante as administracións públicas e os diferentes órganos de contratación.
Noutra resolución o Congreso deulle o seu apoio ós traballadores e traballadoras do sector da limpeza de edificios e locais da provincia da Coruña que están inmersos nun proceso de mobilizacións para demandar condicións laborais dignas. Hai que lembrar que este foi un sector fundamental durante a pandemia.
E, finalmente, aprobouse unha quinta resolución na que se insta ó Goberno a que se habiliten os instrumentos normativos necesarios para que sexa unha realidade a negociación colectiva entre a base produtora agro gandeira e as industrias, xa que no actual marco legal resulta imposible poder poñer prezo á produción agraria ou gandeira porque os contratos son impostos pola distribución e industrias e aos produtores só lles resta adherirse.